Estatutos

Asociación Profesional de Traballadores Arquiveiros da Xunta de Galicia-APTAX

 TÍTULO I

DISPOSICIÓNS XERAIS

DENOMINACIÓN, ÁMBITO TERRITORIAL E PROFESIONAL, DURACIÓN, FINS E ENDEREZO

ARTIGO 1.

A "ASOCIACIÓN PROFESIONAL DE TRABALLADORES ARQUIVEIROS DA XUNTA DE GALICIA", é unha entidade sindical que se rexerá polos presentes Estatutos, quedando sometida á lexislación vixente, (Lei Orgánica 11/1985, de 2 de agosto, de Liberdade Sindical, e o artigo 22.1 da Constitución Española) integrada polos traballadores que voluntariamente o soliciten e cumpran os requisitos establecidos nestes Estatutos. A súa organización e funcionamento responderá aos principios democráticos.

ARTIGO 2. -

O ámbito territorial da Asociación é o da Comunidade Autónoma de Galicia, podendo establecer as delegacións, oficinas e dependencias que considere oportunas.

A asociación debidamente autorizada para o efecto, fixa o seu enderezo social na Cidade da Cultura. Monte Gaiás, s/n - 15707 Santiago, sen prexuízo de que a Xunta Directiva poida acordar, en calquera momento, o cambio a outro lugar, así como, establecer delegacións e representacións onde se considere conveniente para a consecución dos seus fins. Neste caso, o cambio de enderezo comunicarase á oficina pública de rexistro de estatutos correspondente.

O ámbito funcional de actuación correspóndese coa defensa dos intereses profesionais do colectivo dos traballadores arquiveiros dentro do ámbito da administración autonómica galega.

ARTIGO 3. -

A Asociación constitúese por tempo indefinido e terá personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins, a través dos seus órganos respectivos, de acordo coas prescricións legais e as súas normas estatutarias.

ARTIGO 4. -

A Asociación Profesional de Traballadores Arquiveiros da Xunta de Galicia poderá federarse con outras Asociacións ou Organizacións profesionais cuxos fins sexan análogos e poidan harmonizarse cos dela.

ARTIGO 5. -

Son fins da Asociación os seguintes:

a) A representación, xestión, defensa e fomento dos intereses económico sociais e profesionais dos seus membros.

b) O fomento da solidadariedade, comunicación e relacións entre os asociados, mediante a oportuna información e intercomunicación.

c) A colaboración coa Administración para os efectos de determinar as condicións máis axeitadas para a prestación dos seus servizos así como para a elaboración das disposicións que afecten a estes empregados públicos, a través da súa participación nas tarefas dos órganos correspondentes.

d) A representación e defensa dos intereses profesionais dos seus membros ante a Administración Pública.

e) Promover a mellora das condicións xerais e particulares para o desenvolvemento da actividade profesional dos asociados.

f) A administración e disposición dos propios recursos orzamentarios ou patrimoniais e a súa aplicación aos fins e actividades propios da Asociación.

g) Calquera outra función que redunde en beneficio dos seus afiliados e, en xeral, todos aqueles fins que se acorden pola Asemblea Xeral, dentro dos límites establecidos polas disposicións vixentes e os Estatutos da Asociación.

TÍTULO II

DOS ASOCIADOS

ARTIGO 6. -

Poderán ser membros da Asociación todas aquelas persoas que ostenten a condición de funcionarios de carreira ou interinos do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, (grupo A1), escala facultativo de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade de arquivos e do corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia (grupo A2), escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade de arquivos e aqueles arquiveiros que ostenten a condición de traballadores laborais fixos, temporais e indefinidos da Xunta de Galicia.

As peticións de ingreso serán aprobadas pola Xunta Directiva, debendo ser solicitadas por escrito dirixido ao Presidente desta, sempre que concorran no solicitante as condicións para pertencer á Asociación.

ARTIGO 7. -

A condición de membro pérdese:

a) Por baixa, a petición do interesado, que non poderá reintegrarse á Asociación no prazo dun ano. As baixas por vontade propia deberanse cursar por escrito, logo de aboar todas as cotas non satisfeitas. A baixa por vontade propia implica a renuncia á devolución da parte proporcional da cota anual aboada con anterioridade.

b) Por deixar de desempeñar as súas funcións como traballador da Xunta de Galicia. Nesta situación, devolverase a parte proporcional correspondente da cota anual satisfeita con anterioridade, sempre e cando sexa solicitado por escrito.

c) O non pagamento das cotas que se aprobasen para o sostemento económico da Asociación, logo de requirimento non atendido, determinará a renuncia tácita do asociado á súa condición de tal, procedéndose á baixa voluntaria que será comunicada á Asemblea Xeral sen necesidade de acordo de expulsión.

d) O reingreso do asociado que se encontre na situación sinalada no parágrafo anterior poderá condicionarse ao aboamento das cotas non satisfeitas que lle tivesen correspondido como asociado nos cinco anos inmediatamente anteriores á solicitude.

e) Baixa por expulsión debido ao incumprimento grave dos Estatutos, comisión de grave dano á asociación ou aos seus directivos ou outras causas axustadas a dereito. Darase audiencia ao interesado, e o acordo de expulsión deberá ser tomado polos dous terzos dos membros da Xunta Directiva, que o comunicará ao interesado, mediante escrito razoado, para a súa posible impugnación e recurso ante a Asemblea Xeral, concedéndoselle un prazo de 30 días para recorrer ante a Xunta Directiva. De non exercer este dereito, o acordo considerarase firme.

f) Morte ou incapacidade do asociado, así como deixar desempeñar as súas funcións como traballador da Xunta de Galicia.

ARTIGO 8. -

Son dereitos dos asociados:

a) Participar nas actividades e utilizar os servizos da Asociación, establecidos con carácter xeral en beneficio dos seus asociados.

b) Elixir e ser elixidos para postos de representación nos órganos reitores da Asociación.

c) Asistir ás Asembleas Xerais, podendo delegar a súa representación por escrito noutro asociado.

d) Expresar libremente, por escrito ou de palabra, calquera opinión ou punto de vista relacionado cos asuntos profesionais que directamente lles afecten ou se discutan, segundo a orde do día das reunións, sempre que non vaian en contra dos principios establecidos nos presentes Estatutos.

e) Exercitar as accións e recursos a que haxa lugar en defensa dos seus dereitos asociativos ou instar á Asociación a que interpoña as accións e recursos oportunos para a defensa de intereses profesionais comúns.

f) Recibir copia dos estatutos e das súas modificacións.

ARTIGO 9. -

Son deberes dos asociados:

a) Cumprir as normas dos Estatutos.

b) Acatar as resolucións dos órganos reitores da Asociación, sen prexuízo dos recursos que, se é o caso, sexan procedentes.

c) Desempeñar os cargos e comisións que lle confira a Asemblea Xeral ou a Xunta Directiva.

d) Respectar a libre manifestación de pareceres e non entorpecer directa ou indirectamente as actividades da Asociación.

e) Aboar puntualmente as cotas, tanto ordinarias coma extraordinarias que poidan establecerse.

TÍTULO III

DOS ÓRGANOS DE GOBERNO

ARTIGO 10. -

A Asemblea Xeral é o órgano supremo de goberno da Asociación e estará integrada pola totalidade dos membros desta.

A Asemblea Xeral reunirase en sesión ordinaria unha vez ao ano, no transcurso do primeiro trimestre, para examinar e aprobar, se é o caso, a memoria anual da Xunta Directiva, as contas do ano anterior e o  orzamento de ingresos e gastos do exercicio corrente.

Con carácter extraordinario poderá reunirse cando o soliciten por escrito a terceira parte dos asociados, por decisión do Presidente ou a petición da Xunta Directiva.

ARTIGO 11. -

As convocatorias das sesións ordinarias faranse polo Presidente, polo menos con dez días de antelación, por calquera medio de comunicación que permita ter constancia da recepción da citación.

A convocatoria das extraordinarias farase procurando, se o asunto que as motiva o permite, gardar a mesma forma e antelación.

ARTIGO 12. -

Para poder celebrar sesión da Asemblea Xeral, requírese que concorran a esta, presentes ou representados, un terzo dos asociados.

ARTIGO 13. -

O Presidente da Xunta Directiva presidirá a Asemblea Xeral. Por parte do Secretario redactarase a acta das súas sesións na que constarán, como mínimo o seguinte:

a) Convocatoria, lugar e data da reunión.

b) Asistentes a esta, indicando os que o foron por representación.

c) Acordos adoptados.

ARTIGO 14. -

1. Os acordos adoptaranse por maioría simple das persoas presentes ou representadas, cando os votos afirmativos superen aos negativos.

2. Requírese maioría cualificada, que se entende conseguida cando os votos afirmativos superen a metade das persoas presentes ou representadas, para os acordos relativos á modificación dos Estatutos ou á disolución da Asociación.

ARTIGO 15. -

A Asemblea Xeral terá, entre outras, as seguintes funcións:

1ª. Aprobar e reformar os presentes Estatutos.

2ª. Adoptar acordos en relación coa representación, xestión e defensa dos intereses profesionais dos seus membros, sen prexuízo da facultade de delegar na Xunta Directiva a realización daqueles que se encontren no marco da súa competencia.

3ª. Adoptar acordos relativos á comparecencia ante os organismos públicos e para a interposición de toda clase de recursos, co fin de defender e fomentar en forma axeitada e eficaz, os intereses profesionais ao seu cargo.

4ª. Aprobar os Programas e Plans de actuación.

5ª Aprobación, se é o caso, da acta da última sesión celebrada con anterioridade.

6ª. Elixir os compoñentes da Xunta Directiva.

7ª. Coñecer a xestión da Xunta Directiva.

8ª. Fixar, cando proceda, as cotas que haxan de satisfacer os membros, de acordo coas normas destes Estatutos. Estas cotas serán a fondo perdido e unha vez formalizadas, non serán devoltas en ningún caso.

9ª. Aprobar os orzamentos e as liquidacións de contas.

10ª. Aprobar a memoria anual de actividades.

11ª A resolución dos recursos de non admisión ou expulsión dun socio.

12ª A revogación dos cargos da Xunta Directiva, cando a gravidade dos feitos o requira, a xuízo da Asemblea.

13ª. Aqueles outros asuntos que, pola súa importancia, someta á súa consideración a Xunta Directiva.

14ª. Acordar, pola maioría que se determine, a disolución da Asociación.

15ª. Adoptar acordos referentes á adquisición e disposición de bens.

ARTIGO 16. -

A Xunta Directiva é o órgano executivo permanente de xestión, administración e dirección da Asociación e estará composta polos seguintes membros: Presidente, Vicepresidente Tesoureiro, Secretario e dous vogais, todos eles membros de pleno dereito da Asociación.

Para elixir e ser elixidos en postos de representación, será preciso gozar da plenitude de dereitos e obrigas de carácter asociativo, así como estar a desempeñar as súas funcións na Xunta de Galicia.

O desempeño de cargos na Xunta Directiva é voluntario e non remunerado, e terá unha duración de tres anos, renovables.

Os seus membros serán elixidos mediante listas pechadas en Asemblea Xeral. O proceso electoral abrirase trinta días naturais antes da convocatoria da Asemblea Xeral Extraordinaria. As listas pechadas que conteñan as candidaturas deberán remitirse ao apartado de correos da Asociación antes de que venza o devandito prazo.

Na composición da Xunta Directiva procurarase acadar o equilibrio entre os membros pertencentes aos grupos A1 e A2 e paridade entre homes e mulleres, sen que este elemento sexa vinculante para a creación de candidaturas.

A Asemblea Xeral Extraordinaria celebrarase quince días despois de enviarse a convocatoria para tal efecto. Serán admitidos os votos por correo que cheguen ao apartado da asociación o día anterior da celebración das eleccións, e admitiranse tamén os votos debidamente representados que sexan entregados polos socios no acto de votación ante a Mesa da Asemblea.

ARTIGO 17. -

A Xunta Directiva, ademais das atribucións que lle delegue expresamente a Asemblea Xeral dentro dos límites autorizados polas disposicións legais vixentes, terá, entre outras, as seguintes funcións:

1ª. Planificar e dirixir as actividades da Asociación para o exercicio e desenvolvemento das funcións que lle son propias.

2ª. Propoñer á Asemblea Xeral a defensa, en forma axeitada e eficaz, dos intereses profesionais ao seu cargo.

3ª. Propoñer á Asemblea Xeral os programas de actuación, realizar e dirixir os xa aprobados, dando conta a aquela do seu cumprimento.

4ª. Velar polo cumprimento dos acordos da Asemblea Xeral e da propia Xunta Directiva.

5ª. Decidir a celebración de reunións extraordinarias da Asemblea Xeral e fixar a orde do día tanto destas, coma das ordinarias.

6ª Nomear interinamente, no caso de renuncia dalgún dos seus membros electos, a un máximo de dous vogais que deberán ser ratificados pola Asemblea no prazo máximo de tres meses .

7ª Elixir, no caso de renuncia do presidente, vicepresidente tesoureiro, ou secretario, ao seu substituto entre os membros da xunta directiva electos en Asemblea, que exercerán o cargo interinamente ata ser ratificados pola Asemblea no prazo máximo de tres meses

8ª. Propoñer á Asemblea Xeral as cotas que haxan de satisfacer os membros.

9ª. Presentar os orzamentos, balances e liquidacións de contas para a súa aprobación pola Asemblea Xeral.

10ª. Decidir en materia de cobramentos e ordenación de toda clase de pagamentos por calquera medio admitido no ordenamento xurídico.

11ª.- Inspeccionar a contabilidade, así como a mecánica de cobramentos e pagamentos.

12ª.- Elaborar a memoria anual de actividades, someténdoa á aprobación da Asemblea Xeral.

13ª.- Inspeccionar e velar polo normal funcionamento dos servizos da Asociación.

14ª.- Adoptar acordos relacionados coa interposición de toda clase de accións e recursos ante calquera organismo ou xurisdición, en execución do disposto no punto segundo deste artigo.

15ª. Aprobar as peticións de ingreso de novos socios, e tramitar e presentar á Asemblea os recursos que poidan presentarse por non admisión ou expulsión dun socio. O acordo de expulsión ou non admisión deberá ser tomado polos dous terzos dos membros da Xunta Directiva

16ª. Propoñer a adopción de acordos referentes á adquisición e disposición de bens.

17ª.- Solicitar subvencións, aprobar a realización de convenios ou acordos con calquera entidades públicas ou privadas, relativos á defensa dos intereses dos asociados, así como de carácter formativo e cultural, de acordo co plan de actuación aprobado pola Asemblea Xeral.

18ª. As que poidan ser delegadas pola Asemblea Xeral.

19ª. Cantas atribucións non estean expresamente encomendadas á Asemblea Xeral.

ARTIGO 18. -

Funcións dos cargos da Xunta Directiva

O Presidente terá as seguintes funcións:

1ª. Presidir a Asemblea Xeral e a Xunta Directiva.

2ª. Dirixir a Asemblea Xeral e a Xunta Directiva.

3ª. Dirixir os debates e a orde das reunións e velar pola execución dos acordos.

4ª. Representar legalmente á Asociación nos actos, contratos, convenios, comparecencias e relacións de toda orde e xurisdición ante os xulgados, tribunais e organismos da administración, de calquera clase que foren, podendo outorgar os poderes necesarios a procuradores e avogados que se encarguen de instar, manter e desistir nas oportunas accións ou recursos que procedan en defensa dos intereses comúns asociativos, profesionais ou económicos da actividade da Asociación.

5ª.- Usar da sinatura nos termos previstos nos presentes Estatutos.

6ª.- Ordenar os gastos, autorizar os pagamentos e xustificantes de ingresos conxuntamente co Vicepresidente Tesoureiro ou o Secretario.

7ª.- Convocar as reunións da Asemblea Xeral e da Xunta Directiva.

8ª.- Cumprir e facer cumprir as normas estatutarias.

9ª.- Exercer as funcións específicas que lle atribúan as normas estatutarias.

O Presidente renderá anualmente informe da súa actuación e o da Xunta Directiva, ante a Asemblea Xeral.

10ª.- Os membros da Xunta Directiva deberán manter cos seus representados a necesaria comunicación que faga posible, dunha banda, a información aos asociados de aquelas actuacións da Xunta que, pola súa natureza e relevancia, deban ser coñecidas por eles; e por outra, recoller dos seus representados opinións, inquietudes e aspiracións profesionais e corporativas, para que poidan ser coñecidas e asumidas, no seu caso, pola Asemblea.

ARTIGO 19. -

O Vicepresidente Tesoureiro substituirá, en caso de ausencia ou enfermidade, ao Presidente, atopándose investido nesta función da totalidade de atribucións que aquel ten conferidas, as mesmas normas serán de aplicación no caso de baixa definitiva do Presidente ata que se verifique a elección dun novo Presidente.

O Vicepresidente Tesoureiro coidará da conservación dos fondos e da contabilidade da asociación de acordo coas disposicións legais e a falta delas na forma que se dispoña e asinará conxuntamente co Presidente ou Secretario todos os documentos de cobramentos e pagamentos.

Nas contas bancarias da Asociación terán recoñecida a súa sinatura o Presidente, o Vicepresidente e o Secretario, de forma que as operacións poidan realizarse alternativamente con dúas das devanditas sinaturas.

ARTIGO 20. -

Corresponde ao Secretario:

1ª. Levar e custodiar os libros rexistro dos Asociados, así como as Actas da Asemblea Xeral e da Xunta Directiva.

2ª. Redactar de forma circunstanciada a acta das sesións da Asemblea Xeral e da Xunta Directiva nas que actúe.

3ª. Librar certificacións autorizadas coa sinatura do Presidente con referencia aos libros e documentos sociais.

4ª. Efectuar as notificacións que procedan dos acordos adoptados pola Asemblea Xeral e/ou pola Xunta Directiva.

ARTIGO 21. -

Coordinadores territoriais

No caso de que algún ámbito territorial, sexa central ou provincial, non estivese representado entre os membros da Xunta Directiva, os asociados poderán elixir, democraticamente, a un/unha coordinador/a que servirá de voceiro e enlace coa Xunta Directiva, podendo asistir ás reunións desta con voz pero sen voto. A duración do seu mandato será de tres anos, a non ser que exista revogación, expulsión ou renuncia ao cargo. Serán coordinados/as, á súa vez, por un/a vogal da Xunta Directiva, e axudarán a este/a no desempeño das funcións asociativas no territorio que representen. Non obstante, non poderán tomar acordos contrarios aos xa adoptados pola propia Xunta Directiva nin pola Asemblea Xeral.

TÍTULO IV

RÉXIME ECONÓMICO

ARTIGO 22. -

A Asociación terá plena autonomía para a administración dos seus propios recursos.

O funcionamento económico da Asociación regularase en réxime de orzamento.

O orzamento ordinario será a expresión cifrada das obrigas a contraer durante un ano en relación cos servizos a manter pola Asociación, así como o cálculo dos recursos e medios de que dispoña para cubrir aquelas atencións.

A Asemblea Xeral aprobará o orzamento ordinario para o ano seguinte e a liquidación das contas do ano anterior.

Para a realización de actos e a prestación de servizos non previstos no  orzamento ordinario poderán elaborarse  orzamentos extraordinarios.

A xestión económica da Asociación corresponde á Xunta Directiva.

A Asociación levará unha contabilidade conforme ás normas legais que lle sexan de aplicación.

ARTIGO 23. -

O patrimonio da Asociación compóñeno todos os bens e dereitos que, dende o momento da súa constitución, posúa por calquera título (doazón, legado, etc.).

O inventario dos bens e dereitos propiedade da Asociación será actualizado polo menos anualmente con carácter ordinario, sendo aprobado pola Xunta Directiva, que dará coñecemento á Asemblea Xeral na primeira reunión que celebre.

ARTIGO 24. -

A Asociación dispoñerá dos seguintes recursos económicos:

1ª. As cantidades recadadas en concepto de cotas.

2ª. Os produtos e rendas de bens, dereitos e produtos financeiros que chegue a posuír.

3ª. As doazóns, subvencións e achegas que reciba, sen que poidan provir, en ningún caso, de partidos políticos.

4ª. Calquera outro recurso obtido de conformidade coas disposicións legais e os preceptos regulamentarios.

ARTIGO 25. -

Os asociados teñen a obriga de contribuír ao sostemento da Asociación, satisfacendo as cotas establecidas por proposta da Xunta Directiva ou por iniciativa da Asemblea Xeral, recaendo o acordo definitivo nesta última.

Para o establecemento e modificación de cotas esixirase o acordo favorable da Asemblea Xeral.

ARTIGO 26. -

En caso de disolución da Asociación, e despois de facer fronte ás súas obrigas pendentes, o patrimonio resultante distribuirase entre os asociados en proporción ás achegas realizadas por cada un. Para tal efecto, a Xunta Directiva, actuará como Comisión Liquidadora, exercendo a representación a estes fins da Asociación, a cal conservará a súa personalidade xurídica ata que, finalizada a liquidación, se practique o asento de extinción no Rexistro correspondente.

TITULO VI

MODIFICACIÓN DOS ESTATUTOS. DISOLUCIÓN E LIQUIDACIÓN.

ARTIGO 27. -

Modificación dos Estatutos.

1. A modificación dos presentes Estatutos requirirá acordo adoptado pola Asemblea Xeral convocada especificamente con tal obxecto cando afecte a calquera dos seguintes extremos:

a) A denominación da Asociación.

b) O seu enderezo, así como o seu ámbito territorial.

c) A súa duración.

d) Os seus fins e actividades.

e) Os requisitos e modalidades de admisión e baixa, sanción e separación dos asociados e as clases destes.

f) Os dereitos e obrigas dos asociados e de cada unha das súas clases.

g) Os criterios que garanten o funcionamento democrático da Asociación.

h) Os órganos de goberno e representación, a súa composición, regras e procedementos para a elección e substitución dos seus membros, as súas atribucións, duración dos cargos, causas do seu cesamento, a forma de deliberar, adoptar e executar os seus acordos e as persoas ou cargos con facultade para certificalos e requisitos para que os citados órganos queden validamente constituídos, así como a cantidade de asociados necesaria para poder convocar sesións dos órganos de goberno ou de propoñer asuntos na orde do día.

i) O réxime de administración, contabilidade e documentación, así como a data de peche do exercicio asociativo.

j) O patrimonio inicial e os recursos económicos dos que se pode facer uso.

k) As causas de disolución e o destino do patrimonio en tal suposto.

2. Nos supostos previstos no apartado anterior, os acordos da Asemblea Xeral requirirán maioría cualificada das persoas presentes ou representadas, que resultará cando os votos afirmativos superen a metade.

3. Tales acordos deberán ser obxecto de inscrición no prazo dun mes e só producirán efectos, tanto para os asociados coma para os terceiros, dende que se procedese á súa inscrición no Rexistro Autonómico de Asociacións.

4. As restantes modificacións producirán efectos para os asociados dende o momento da súa adopción conforme aos procedementos estatutarios, mentres que para os terceiros será necesaria, ademais, a inscrición no Rexistro mencionado anteriormente.

ARTIGO 28. -

Disolución da Asociación.

1. A Asociación disolverase por vontade dos asociados expresada en Asemblea Xeral convocada ao efecto, así como polas causas determinadas no artigo 39 do Código Civil e por sentenza xudicial firme.

2. O acordo da Asemblea Xeral relativo á disolución da Asociación requirirá maioría cualificada das persoas presentes ou representadas, que resultará cando os votos afirmativos superen a metade.

ARTICULO 29. -

Liquidación da Asociación.

1. A disolución da Asociación abrirá o período de liquidación, ata o fin do cal a devandita entidade conservará a súa personalidade xurídica.

2. Os membros da Xunta Directiva no momento da disolución converteranse en liquidadores, salvo que estes sexan designados pola Asemblea Xeral ou polo Xuíz que, se é o caso, acorde a disolución.

3. Corresponderá aos liquidadores:

a) Velar pola integridade do patrimonio da Asociación.

b) Concluír as operacións pendentes e efectuar as novas que sexan precisas para a liquidación.

c) Cobrar os créditos da Asociación.

d) Liquidar o patrimonio e pagar os acredores.

f) Solicitar a cancelación dos asentos no Rexistro.

4. Se se disolvese a Asociación, unha vez feita fronte ás súas obrigas pendentes, o patrimonio resultante distribuirase entre os asociados segundo o indicado no artigo 26 dos presentes Estatutos.

5. En caso de insolvencia da Asociación, a Xunta Directiva ou, se é o caso, os liquidadores, promoverán inmediatamente o oportuno procedemento concursal ante o Xuíz competente.

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS

1. As candidaturas para constituír a primeira Xunta Directiva presentaranse ante a Asemblea Constituínte, podendo exercer o voto tanto os asociados presentes coma aqueles que tivesen delegado o seu voto a outro asociado.

2. Facúltase o Presidente e demais membros da Xunta Directiva elixidos na Asemblea Constituínte, para formalizar a inscrición destes Estatutos e de calquera outras modificacións destes, en todos os rexistros públicos que legalmente correspondan e en todos aqueles que se considere oportuno.