Manifesto do persoal técnico de arquivos da Xunta de Galicia 2019

O 9 de xuño celébrase en todo o mundo o Día Internacional dos Arquivos. Os arquivos custodian os documentos da sociedade, que aportan información, constitúen probas xurídicas dos dereitos e obrigas da cidadanía, e son imprescindibles para o exercicio da transparencia e a democracia. Ademais, os arquivos teñen unha dimensión cultural esencial como memoria colectiva do noso pobo e fonte primaria da nosa historia.

 Os e as arquivistas da Xunta de Galicia sumámonos a esta efeméride facendo partícipe a cidadanía das condicións laborais nas que prestamos este servizo público.

 En contraste con esta importantísima función social, a Xunta de Galicia outórganos un trato salarial e laboral discriminatorio.

 As e os arquivistas da Xunta de Galicia facemos o mesmo traballo e asumimos as mesmas responsabilidades que o persoal técnico de calquera outra administración, mais cobrando ata un 20% menos.

 A esta discriminación salarial engádense condicións laborais negativas, como ter que traballar polas tardes sen retribución, ou carecer de carreira profesional real.

 A Administración galega xa coñece as nosas reivindicacións, pero como somos un colectivo pequeno, ignóraas sistematicamente.

 Por outra banda, a Lei 7/2014, de arquivos e documentos de Galicia, obriga á Xunta a que os seus arquivos dispoñan de persoal suficiente e cualificado, pero a realidade é que algúns arquivos da Xunta só contan cun/cunha arquivista para xestionar máis de 7 km. lineais de documentos.

 A lei tamén establece que exista un arquivo central para cada consellería, pero das dez consellerías existentes, só dúas contan con arquivo central dotado de persoal técnico.

 Esta mesma Lei obriga á Xunta a que os seus arquivos dispoñan das infraestruturas necesarias para garantir a conservación dos documentos, o que contrasta coa triste realidade de que todos os seus arquivos están colapsados ou practicamente colapsados.

 Este día dos Arquivos debe servir para que a cidadanía coñeza as condicións laborais nas que desenvolvemos o noso traballo e o incumprimento por parte da Xunta de Galicia das súas obrigas legais en materia de arquivos.

 

¡¡As e os arquivistas da Xunta de Galicia esiximos a equiparación salarial coa administración xeral do Estado e o cumprimento por parte da Xunta do establecido na Lei de Arquivos e Documentos de Galicia!!!

Memoria resumo de actividades do período 2015-2017

Expoñemos un resumo das actividades desenvolvidas por APTAX nos últimos tres anos, período de xestión, administración e dirección da actual Xunta directiva, agora en funcións.

 

Durante estes tres anos reivindicamos coas nosas accións o carácter sindical da asociación, que ten entre os seus fins estatutarios a defensa e fomento dos intereses económicos, sociais e profesionais das persoas asociadas. Para iso, unha das nosas primeiras tarefas foi a modificación dos propios estatutos para dar maior protagonismo aos representantes provinciais e procurar a paridade na composición da Xunta directiva e o equilibrio na súa composición entre A1 e A2.

 

Ademais, consideramos prioritario comunicar a nosa situación profesional á cúpula da Consellería de Cultura. Así, nos anos 2015 e 2016 reunímonos co Secretario Xeral de Cultura, o Secretario Xeral Técnico e o propio Conselleiro, para transmitirlles a situación dos arquivos da Xunta de Galicia e as demandas do noso colectivo profesional.

 

Tamén sondamos as persoas asociadas a través dunha enquisa para coñecer o grao de satisfacción no desenvolvemento do seu traballo, e para dar a oportunidade de expresar outras inquietudes relativas ao noso exercicio profesional.

 

Presentamos alegacións durante o proceso de elaboración de normativa en materia de Arquivos da Xunta. En concreto, da de regulación do Consello de Avaliación Documental de Galicia e do Consello de Arquivos de Galicia.

 

Para a esixir a creación e dotación de arquivos centrais, formulamos alegacións ás modificacións das relacións de postos de traballo das Consellerías de Santidade, de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de Facenda e de Economía, Emprego e Industria. No caso da Consellería de Cultura, as alegacións, por afectar a meirande parte das persoas asociadas, deron lugar a presentación dun recurso potestativo de reposición na defensa das melloras nas nosas condicións económicas e laborais.

 

Por outra banda, promovemos asembleas das nosas escalas coa participación do persoal técnico das tres especialidades: arquivos, bibliotecas e museos, para deste xeito sumar forzas e aforrar esforzos nas nosas reivindicacións. Estas asembleas deron lugar a creación da nova asociación, ARBIMUGA, que ten como fin a presentación dun recurso contencioso administrativo contra a modificación da RPT da Consellería de Cultura no referido, tanto a subida de niveis, como a valoración efectiva dos nosos postos de traballo.

 

Para facer efectivo o compromiso de transparencia adquirido por parte da Xunta directiva, remitimos as persoas asociadas cumprida información de todas estas xestións a través da nosa conta de correo electrónico (Esta dirección de correo electrónico está protegida contra spambots. Usted necesita tener Javascript activado para poder verla.).

 

Durante estes tres anos, ademais da creación desta conta de correo institucional, deseñamos un logotipo para a asociación, adquirimos un dominio web rexistrado baixo a URL http://www.arquiveirosxunta.org e confeccionamos unha páxina web, plataforma de comunicación coas persoas asociadas e coa sociedade. Asemade mantívose o perfil e páxina de Facebook (44 seguidores) e unha conta de Twitter (183 seguidores) nos que se publica puntual información sobre as cuestións relativas á nosa profesión.

 

Neste período o número de persoas asociadas incrementouse con nove altas, ata ser 40 dun total de 49 técnicos/as de arquivos da Xunta de Galicia. Representamos, xa que logo, ao 82% do colectivo. Das cinco baixas que tivemos nestes tanos, dúas foron por xubilación, unha por perder a condición de funcionario interino e tan só dúas por baixa voluntaria.

 

Por último, sinalar que a solidariedade, comunicación e fomento da relación entre as persoas asociadas foi outra das nosas preocupacións. Así, o 12 de outubro de 2016 organizamos unha viaxe a Porto para visitar o Arquivo da Cámara Municipal desa cidade portuguesa, procuramos a rotación de sede das asembleas xerais (2016 Santiago, 2017 A Coruña, 2018 Pontevedra), e programamos actividades culturais e de lecer os días das asembleas.

Segunda proposta de RPT da Consellería de Política Social

Onte mércores, 6 de Xullo, coñecemos a segunda proposta da Administración para a modificación da Relación de Postos de Traballo da Consellería de Política Social.

Entre outros postos que modifican da anterior proposta está o da praza de arquiveiro/a do Arquivo Central. Deste xeito, a praza que en principio ía ser A2 (18) pasa a dotarse como A1 (20).

O motivo desa modificación vén dada porque a categoría da antiga praza de Documentalista (Laboral grupo I) ten o seu paralelismo co grupo A1 de funcionarios e polo feito de que a Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia, establece que cada consellería disporá dun arquivo central ao fronte do cal estará un técnico/a superior de arquivos.

A praza en principio ofertase así:

PS.C02.00.000.15770.090 TÉCNICO/A SUPERIOR DE ARQUIVOS 20 6.144,36 C A1 ESPECIAL AXG   961

Nova praza de técnico/a de arquivos na Consellería de Política Social

Nestes días estase a negociar entre as Organizacións Sindicais e a Administración a Relación de Postos de Traballo da nova Consellería de Política Social (parte de Benestar que antes dependía de Traballo).

En Benestar existía dende hai anos unha praza de documentalista que ocupaba a nosa compañeira Chus Rivera que como todos sabedes acaba de xubilarse. Con esta remodelación esta praza ía ser amortizada e non existía, ata o momento, un compromiso firme por parte da Consellería para crear unha praza pertencente á nosa escala.

Ao final parece que todo vai ir por bo camiño e nesta primeira proposta figura a creación dunha praza de Técnico Medio de Arquivos Nivel 18 dependente da Secretaría Xeral Técnica.

PS.C02.00.000.15770.090 TÉCNICO/A MEDIO/A DE ARQUIVOS 18 5.581,80 C A2 ESPECIAL AXG   961
Posto novo                  

 

Dende APTAX nos congratulamos da creación de prazas das nosas escalas e manifestamos o noso compromiso de vixiar a creación de arquivos centrais dotados de persoal en todas as futuras reformas de RPTs que veñen polo camiño. (*).

(*)Como vedes as funcións de arquivo son moi necesarias en Política Social, nesta foto vemos un depósito descontrolado de documentación

 

 

 

 

Graves carencias de persoal no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra

Desde o ano 2009, o Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra (AHPPo) está a ter problemas de falta de persoal. Estes problemas vanse agravando cando se achega o período estival por mor das vacacións, propias destas datas, o que, no pasado, xa fixo que o centro tivese que pechar polas tardes en pleno mes de agosto.

Cun cadro de dezaoito persoas, entre persoal técnico e de apoio, en quendas de mañá e tarde, este servizo publico só conta hoxe con trece, debido a que non se cubriron as prazas vacantes cos concursos de traslados de funcionarios/as e persoal laboral, e a que hai dúas baixas médicas de longa duración.

Aos catro membros de persoal de apoio que faltan (1 subalterno, 2 vixiantes de arquivos, bibliotecas e museos e 1 vixiante), súmase a vacante do técnico/a superior de arquivos. Esta situación carrea dificultades (catro persoas de apoio teñen que facer o labor de oito e traballar en servizos mínimos de forma permanente para cubrir as ausencias xustificadas …), non só á hora de atender as demandas de consulta e busca de documentación, senón tamén á hora de realizar todos os servizos de atención á Administración e ao/á usuario/a do Arquivo (cidadáns e investigadores/as), así como á súa calidade e eficiencia.

Lembremos que a Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia, no seu artigo 14, expón que “os arquivos públicos contarán co persoal arquiveiro, técnico e administrativo suficiente para cubrir as necesidades do servizo”, e todo isto, sen persoal, non se pode realizar.

Este ano, os/as usuarios/as do centro de arquivo pontevedrés están a deixar constancia das súas queixas e malestar por escrito, pois atópanse cun problema que se repite no tempo sen solución de continuidade. A dirección do centro dálles entrada e procede a trasladalas aos responsables superiores na materia. Desta maneira, o/a usuario/a ten a certeza de que a Administración, a través dos seus órganos, é coñecedor do problema. Pero non abonda só con coñecelo senón que é necesario darlle unha solución que interrompa a inercia dos últimos anos para que sexa o derradeiro ano que ocorra. Temos unha responsabilidade patrimonial que cumprir …

 

 

 

www.000webhost.com