Manifesto do persoal técnico de arquivos da Xunta de Galicia 2019

O 9 de xuño celébrase en todo o mundo o Día Internacional dos Arquivos. Os arquivos custodian os documentos da sociedade, que aportan información, constitúen probas xurídicas dos dereitos e obrigas da cidadanía, e son imprescindibles para o exercicio da transparencia e a democracia. Ademais, os arquivos teñen unha dimensión cultural esencial como memoria colectiva do noso pobo e fonte primaria da nosa historia.

 Os e as arquivistas da Xunta de Galicia sumámonos a esta efeméride facendo partícipe a cidadanía das condicións laborais nas que prestamos este servizo público.

 En contraste con esta importantísima función social, a Xunta de Galicia outórganos un trato salarial e laboral discriminatorio.

 As e os arquivistas da Xunta de Galicia facemos o mesmo traballo e asumimos as mesmas responsabilidades que o persoal técnico de calquera outra administración, mais cobrando ata un 20% menos.

 A esta discriminación salarial engádense condicións laborais negativas, como ter que traballar polas tardes sen retribución, ou carecer de carreira profesional real.

 A Administración galega xa coñece as nosas reivindicacións, pero como somos un colectivo pequeno, ignóraas sistematicamente.

 Por outra banda, a Lei 7/2014, de arquivos e documentos de Galicia, obriga á Xunta a que os seus arquivos dispoñan de persoal suficiente e cualificado, pero a realidade é que algúns arquivos da Xunta só contan cun/cunha arquivista para xestionar máis de 7 km. lineais de documentos.

 A lei tamén establece que exista un arquivo central para cada consellería, pero das dez consellerías existentes, só dúas contan con arquivo central dotado de persoal técnico.

 Esta mesma Lei obriga á Xunta a que os seus arquivos dispoñan das infraestruturas necesarias para garantir a conservación dos documentos, o que contrasta coa triste realidade de que todos os seus arquivos están colapsados ou practicamente colapsados.

 Este día dos Arquivos debe servir para que a cidadanía coñeza as condicións laborais nas que desenvolvemos o noso traballo e o incumprimento por parte da Xunta de Galicia das súas obrigas legais en materia de arquivos.

 

¡¡As e os arquivistas da Xunta de Galicia esiximos a equiparación salarial coa administración xeral do Estado e o cumprimento por parte da Xunta do establecido na Lei de Arquivos e Documentos de Galicia!!!

www.000webhost.com