Memoria resumo de actividades do período 2015-2017

Expoñemos un resumo das actividades desenvolvidas por APTAX nos últimos tres anos, período de xestión, administración e dirección da actual Xunta directiva, agora en funcións.

 

Durante estes tres anos reivindicamos coas nosas accións o carácter sindical da asociación, que ten entre os seus fins estatutarios a defensa e fomento dos intereses económicos, sociais e profesionais das persoas asociadas. Para iso, unha das nosas primeiras tarefas foi a modificación dos propios estatutos para dar maior protagonismo aos representantes provinciais e procurar a paridade na composición da Xunta directiva e o equilibrio na súa composición entre A1 e A2.

 

Ademais, consideramos prioritario comunicar a nosa situación profesional á cúpula da Consellería de Cultura. Así, nos anos 2015 e 2016 reunímonos co Secretario Xeral de Cultura, o Secretario Xeral Técnico e o propio Conselleiro, para transmitirlles a situación dos arquivos da Xunta de Galicia e as demandas do noso colectivo profesional.

 

Tamén sondamos as persoas asociadas a través dunha enquisa para coñecer o grao de satisfacción no desenvolvemento do seu traballo, e para dar a oportunidade de expresar outras inquietudes relativas ao noso exercicio profesional.

 

Presentamos alegacións durante o proceso de elaboración de normativa en materia de Arquivos da Xunta. En concreto, da de regulación do Consello de Avaliación Documental de Galicia e do Consello de Arquivos de Galicia.

 

Para a esixir a creación e dotación de arquivos centrais, formulamos alegacións ás modificacións das relacións de postos de traballo das Consellerías de Santidade, de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de Facenda e de Economía, Emprego e Industria. No caso da Consellería de Cultura, as alegacións, por afectar a meirande parte das persoas asociadas, deron lugar a presentación dun recurso potestativo de reposición na defensa das melloras nas nosas condicións económicas e laborais.

 

Por outra banda, promovemos asembleas das nosas escalas coa participación do persoal técnico das tres especialidades: arquivos, bibliotecas e museos, para deste xeito sumar forzas e aforrar esforzos nas nosas reivindicacións. Estas asembleas deron lugar a creación da nova asociación, ARBIMUGA, que ten como fin a presentación dun recurso contencioso administrativo contra a modificación da RPT da Consellería de Cultura no referido, tanto a subida de niveis, como a valoración efectiva dos nosos postos de traballo.

 

Para facer efectivo o compromiso de transparencia adquirido por parte da Xunta directiva, remitimos as persoas asociadas cumprida información de todas estas xestións a través da nosa conta de correo electrónico (Esta dirección de correo electrónico está protegida contra spambots. Usted necesita tener Javascript activado para poder verla.).

 

Durante estes tres anos, ademais da creación desta conta de correo institucional, deseñamos un logotipo para a asociación, adquirimos un dominio web rexistrado baixo a URL http://www.arquiveirosxunta.org e confeccionamos unha páxina web, plataforma de comunicación coas persoas asociadas e coa sociedade. Asemade mantívose o perfil e páxina de Facebook (44 seguidores) e unha conta de Twitter (183 seguidores) nos que se publica puntual información sobre as cuestións relativas á nosa profesión.

 

Neste período o número de persoas asociadas incrementouse con nove altas, ata ser 40 dun total de 49 técnicos/as de arquivos da Xunta de Galicia. Representamos, xa que logo, ao 82% do colectivo. Das cinco baixas que tivemos nestes tanos, dúas foron por xubilación, unha por perder a condición de funcionario interino e tan só dúas por baixa voluntaria.

 

Por último, sinalar que a solidariedade, comunicación e fomento da relación entre as persoas asociadas foi outra das nosas preocupacións. Así, o 12 de outubro de 2016 organizamos unha viaxe a Porto para visitar o Arquivo da Cámara Municipal desa cidade portuguesa, procuramos a rotación de sede das asembleas xerais (2016 Santiago, 2017 A Coruña, 2018 Pontevedra), e programamos actividades culturais e de lecer os días das asembleas.

000webhost logo