Entrevista con María Dolores Barahona Riber, ex-directora do AHP de Pontevedra

María Dolores Barahona Riber (Segovia, 1943), Loli, foi moitos anos directora do Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra. Licenciada en Filosofía e Letras pola Universidade Complutense de Madrid, ingresou no Corpo Auxiliar de Arquivos, Bibliotecas e Museos en 1968, con destino nos Servizos de Arquivos de Pontevedra, que comprendía o Arquivo Histórico Provincial e o Arquivo da Delegación de Facenda de Pontevedra. En 1978, mediante proba selectiva, accede ao corpo de Axudantes de Arquivos, Bibliotecas e Museos.

¿Cal foi o teu primeiro contacto profesional cos arquivos?

Antes de incorporarme á praza de Pontevedra, nos anos 1966 e 1967, traballei como auxiliar de bibliotecas e arquivos no Ministerio de Facenda, onde me formo da man de D. Antonio Matilla Tascón, director do Arquivo Central do Ministerio, que na súa longa traxectoria desempeñou, entre outros cargos, o de Inspector Xeral de Arquivos. D. Antonio Matilla, ademais, foi o autor da Cartilla de organización de archivos, manual de referencia naqueles anos.

En 1967 opositas ao Corpo Auxiliar de Arquivos, Bibliotecas e Museos. Polo que puiden comprobar, o temario estaba composto nada menos que por 115 temas, repartidos entre historia, literatura, arte, arquivística, biblioteconomía, museoloxía e dereito …

Si, estudei moito para aquela oposición. Lémbrome que, entre outros temas, me tocou desenvolver o referente aos descubrimentos e colonizacións españolas en América, que tiña ben preparado.

¿Sendo natural de Segovia e vivindo en Madrid, como recalas en Pontevedra?

Cando tiña catorce anos vin o mar por primeira vez; fiquei abraiada, até o punto de que o motivo principal de vir a Pontevedra foi a presenza do mar. En Galicia, daquela, non tiña nin familiares nin coñecidos. O meu destino foi o Arquivo da Delegación de Facenda; naquel tempo a Delegación estaba emprazada no antigo convento de San Francisco, e o meu primeiro despacho tiña vistas á Praza da Ferreiría. As instalacións do arquivo, pola contra, eran moi pouco axeitadas; os andeis eran de obra e os documentos quedaban pegados neles. Ademais, os documentos estaban moi desorganizados.

¿Que manuais se empregan para a organización de arquivos daquela?

Como referencias arquivísticas, ademais da Cartilla de Matilla, tiñamos o Anteproyecto de reglamento y organización de los archivos de Delegaciones de Hacienda, de 1951, publicado por la Dirección General de Archivos y Bibliotecas.

¿Por que te incorporas ao Arquivo Histórico Provincial?

A dirección do Arquivo Histórico Provincial estaba vacante desde a xubilación de Raquel Lesteiro e, polo tanto, encargábame do servizo en ámbolos dous arquivos; de mañá, no Arquivo da Delegación de Facenda e, de tarde, no Histórico Provincial. Algunha coñecida que me vía pola rúa, dicíame “que ben vives, todo o día de paseo”. Non sabían que a realidade era xusto a contraria, que tiña que traballar a reo, sempre dun lado para outro.

Por circunstancias, fuches durante moitos anos directora en funcións do AHP de Pontevedra ¿non si?

Si, en distintos períodos, de 1968 a 1974, ano no que se incorpora á dirección Pedro López. En 1985, Pedro asume a dirección do Arquivo do Reino de Galicia e, agás un breve espazo de tempo nos anos 1985 e 1986, en que María José Justo exerce como directora do AHP, e outro a principios dos anos 90, en que as funcións recaen accidentalmente en Xosé Carlos Sierra, tocoume exercer de directora en funcións. A falta de persoal foi o grande problema do arquivo; parecía que a dirección do AHP estaba ameigada, pois agás o período de once anos en que Pedro López a asume, por unha ou outra razón sempre quedaba vacante.

Até que asumes ti a dirección por concurso en 1999 …

Así foi durante dez anos, até a miña xubilación en 2009. Teño que dicir que nunca tiven vocación de directora, preferiría ter quedado nun segundo plano. Sempre me sentín máis cómoda procurando resolver as consultas dos cidadáns que nos labores propios de dirección.

Polo que vexo, fuches coherente coa idea de Antonia Heredia de que o arquiveiro debe realizar o seu traballo non como un fin en si mesmo senón que é intermedio e instrumento para que os outros acaden os seus obxectivos.

Si, sempre crin que o funcionario se debe ao cidadán, que para iso paga os seus impostos.

 

¿Nos anos 70 cales eran as series máis consultadas?

As de Matrícula industrial e as de Dereitos reais pertencentes ao fondo de Facenda.

Co paso do tempo, aquela matrícula industrial converteuse en licenza fiscal e aqueles dereitos reais, en sucesións, doazóns, transmisións e actos xurídicos documentados, e ata chegaron pola porta do arquivo as “autoliquidacións”. Tamén, co paso do tempo, o Catastro do Marqués de la Ensenada, fonte case exclusiva durante anos dos estudosos da idade moderna, comezou a ser consultado polos comuneiros dos montes galegos que nunca tal viran e que acabaron por falarlle “de ti a ti”, iso si, con moito respecto; non en balde foi o punto de partida “documental” das súas reivindicacións.

E, por fin, chegou ao arquivo o Catastro antigo de rústica, o Catastro, e con el chegaron todos/as ou case todos/as, a xente da pé, a xente que quere saber, que non sabe e quere saber, que non sabe de voo americano, de cédulas e de apéndices, pero sabe da terra ou case debería saber porque os seus devanceiros fixeran todo ou case todo para que soubesen. E entraron no arquivo, e Loli aí, como sempre, “o cidadán, que paga os seus impostos”. E entrementres, a organización e a descrición do fondo de Facenda e do que non era fondo de Facenda.

E chegou o momento no que o arquivo encheuse de novas compañeiras, e xuntáronse a savia nova e a experiencia, e todo medrou. E así, día a día, ano a ano, vendo como o obxecto da súa custodia servía ao seu obxectivo, aos cidadáns, á Historia con hache maiúscula e, tamén, ¿cómo non?, á Administración que, de cando en vez, chamaba á porta do centro. Facendo e asinando certificacións e copias cotexadas, orientando na busca da información e axudando á xente para solucionar problemas de hoxe en día. ¿Quen ía dicir que os comuneiros, botando man do Catastro ou da documentación do proceso desamortizador ían gañar nos tribunais? Pois si, para iso é. Igual que os listados de embarque dos pasaxeiros que foron hai anos a América. ¡Cantos datos conteñen! ¡Canto axudan aos retornados e aos descendentes dos emigrantes!

Os corenta anos que Loli estivo no seu Arquivo non foron en balde. Ben o saben os seus compañeiros/as, e aínda que é probable que non o saiban os cidadáns da pé, iso non importa porque, moitas veces, o traballo ben feito non se nota. O importante é que ela o saiba. Que saiba que fixo un bo traballo, aínda con todos os problemas que tiña na casa, fixo un bo traballo.

Sempre tivo unha boa palabra, un bo xesto, sempre estivo disposta a informar, a ensinar, a traballar. Sempre nos quedará o seu bo facer…

 

 

 

www.000webhost.com